quarta-feira, 29 de dezembro de 2010

sexta-feira, 17 de dezembro de 2010

3/ O tempo corre...

...estando parado
escoitamos o tic- tac biolóxico
da nosa natureza animal
persistimos e insistimos
na supervivencia
do pequeno homo...

Fecundación e alivio
Texto: rosanegra
Fotografías: Cruz Martínez

segunda-feira, 6 de dezembro de 2010

Silencio,silencio sepulcral...


(Silencio, silencioo)


Ósos nas cunetas e en foxos

ósos do pasado e do presente.


(Silencio, silencio sepulcral

lapidando corpos soterrados)


A Memoria Histórica, dura, cruel

un tiro, dous, centos...

e o medo engole os corazóns


(Silencio, silencio sepulcral)


Manos Limpias” aínda teñen

sangue nas meniñas

confabulan, intrigan...


(Silencio, silencio sepulcral)


A historia foi escrita polos vencedores

sobre ideoloxías baratas

fomentadoras de silencio.


(Silencio, silencio sepulcral

lapidando corpos soterrados)

quinta-feira, 18 de novembro de 2010

SORROW


Dor, pesadume... a tristura aceda na memoria.
Vídeo inspirado na morte e no recordo do meu pai.

domingo, 17 de outubro de 2010

IN MEMORIAM


Creación inspirada na illa de San Simón. Vídeo que pretende reflectir nas imaxes, no son e nas palabras todo un triste pasado... cheo de medo, de represión. Un pasado, presente na memoria.
Unha memoria colectiva e viva como as ondas do mar que aínda falan, falan da noite que asolagou vidas coa forza da violencia e da inxustiza. Falan da Memoria Histórica.



domingo, 26 de setembro de 2010

quinta-feira, 9 de setembro de 2010

Mentres tomo té con limón aperto e esmago os miolos


A palabra é demasiado grande e forte

Nos momentos grises corróeme
E dáme degoiros para vivir
As matrices ou sistemas compatibles
Ou incompatibles determinadas
Enredan coa miña cabeza
E limítanme a subordinarme aos números
Números lacazáns e falsos
Só hai unha solución
Ou infindas solucións iguais
Cando r atravesa π
Disloca unha realidade e forma outra
Forma dúas partes poida que similares

Só nos momentos de demencia
Son quen de ver o espectro de emisión
Que nunca atoparei no meu orbital

A cuántica é teórica como a miña
Ansiedade vital
E escoito a resonancia do meu microuniverso visceral
Non sei... alguén me dixo...

Que as miñas moléculas son simétricas
E por iso, tamén son APOLAR.

sábado, 17 de julho de 2010

Miro, e a miña ollada...


Negocia coas cousas
Un tratado incerto

Escoito, e os meus oídos
Atrapan os sons altos e baixos
Da escala social

Falo, e da miña boca
Saen palabras vivas e miúdas
Que non chegan a ningunha parte

E cando ulo, recoñezo o cheiro
Da manada á que pertenzo
Dende que saín da placenta
na era cuaternaria

quinta-feira, 3 de junho de 2010

Descompoño a vida en factores primos

Cada vez máis infindos
Desfaise a materia orgánica
En micro-moléculas elementais
Descomponse a túa ollada
En mensaxes subliminares
Descomponse a morte en ...
Partículas tridimensionais

domingo, 9 de maio de 2010

sexta-feira, 23 de abril de 2010

Oda á Panificadora de Vigo


Imos Panificar, na PANIFICADORA!

Existía no pasado e existen no presente
ruínas grises onde os paxaros aniñan
na antiga, fábrica Olívica
e os okupas felinos licitamente
colonizan terreos mortos
dando vida natural, coa normalidade
do que xa é artificial...
hai tantos habitantes libres
conquistadores dos recunchos
dunha abandonada arquitectura
érguese altiva e viva
que os colonizadores
non precisan dun dereito escrito
nin dunha lenta burocracia especulativa
só están, porque están.


Eles tamén queren Panificar!...

quarta-feira, 14 de abril de 2010

4 / 4

Nun compás 4 / 4
estouran feixes de luz
partículas elementais
que encordoan e sintetizan fórmulas
verdadeiras, xoias tocadas pola
sabedoría do maxín
as coordenadas saen da tanxente
entre as integrais e as derivadas
e acadan a pomba bulideira
ou o bufo agochado na noite
que foi liberado por Platón

terça-feira, 6 de abril de 2010

Sen máis...



Cando as circunstancias
gabean a simetría numeral
o número dez engana o cen
e os paxaros xa non saben que facer
A entropía aumenta e con ela
a desorde da percepción
Existe o azar e a nota soa sen máis
unha araña tece, o mosquito cae
nun abismo esquecido
Entre lusco e fusco
a bolboreta voa inqueda
Sen máis...

domingo, 21 de março de 2010

A bolboreta morreu no día do xuízo final
a apocalipse chegou daquela
cando ninguén era consciente
da metamorfose outonal
Da crisálida saíu un becho
que semellaba quizais un incesto
dos deuses, roidos polo
milagre da dolce vita
Todos foron a ningures
polo temor das noites trémulas
que espallan polen pola horta

A bolboreta morreu
cravada na flor invernal
da apocalipse ancestral

segunda-feira, 22 de fevereiro de 2010

A vacaloura dos meus soños

E foi, denantes de saber
que as roseiras tiñan espiñas...

A vacaloura dos meus soños
voaba, arredor da luz
que cubría o espazo
dunha ollada de neno.

Ninguén, puido nunca
comprender,como croa a ra
mais supuxen que tantas
lúas, farían amolecer
os miolos intelectuais
de todos os Séculos Escuros.

Non serviu de nada...
as bolboretas seguían teimando
en facer a metamorfose inversa
e ocorreu que tanta
vontade, fixo que nacera
o verme louco do carneiro.

Xa non sei que podo entender
entre todas estas roseiras
dánme unha comechón
na pel, que me pode.

Sempre podemos
pechar os ollos e sorrir
como sorría a morte.

Seica, xa

..............non

......................o fai

é filósofa...

Hai que ter moita obstinación
para ollar o propio embigo
e dicir, que é unha espiral
elíptica e transversal...

Xa
.......non

................importa.

Agarra coa man dereita, a soidade
e coa esquerda, a liberdade
e fuxe cara á ningures!
no solsticio de verán
poderás limpar os teus pecados
brincando na fogueira de San Xoán.

Poema gañador do 3º premio Feliciano Rolán de poesía 2009