sexta-feira, 23 de abril de 2010

Oda á Panificadora de Vigo


Imos Panificar, na PANIFICADORA!

Existía no pasado e existen no presente
ruínas grises onde os paxaros aniñan
na antiga, fábrica Olívica
e os okupas felinos licitamente
colonizan terreos mortos
dando vida natural, coa normalidade
do que xa é artificial...
hai tantos habitantes libres
conquistadores dos recunchos
dunha abandonada arquitectura
érguese altiva e viva
que os colonizadores
non precisan dun dereito escrito
nin dunha lenta burocracia especulativa
só están, porque están.


Eles tamén queren Panificar!...

quarta-feira, 14 de abril de 2010

4 / 4

Nun compás 4 / 4
estouran feixes de luz
partículas elementais
que encordoan e sintetizan fórmulas
verdadeiras, xoias tocadas pola
sabedoría do maxín
as coordenadas saen da tanxente
entre as integrais e as derivadas
e acadan a pomba bulideira
ou o bufo agochado na noite
que foi liberado por Platón

terça-feira, 6 de abril de 2010

Sen máis...



Cando as circunstancias
gabean a simetría numeral
o número dez engana o cen
e os paxaros xa non saben que facer
A entropía aumenta e con ela
a desorde da percepción
Existe o azar e a nota soa sen máis
unha araña tece, o mosquito cae
nun abismo esquecido
Entre lusco e fusco
a bolboreta voa inqueda
Sen máis...