sábado, 17 de dezembro de 2011

A Lois

Nun poema,
escribiches o sufrimento eterno
a dor dun corpo enfermo
o sentimento escachado
nun berro que abrangue
todo un océano...
escrito nos versos, deixaches
a rebeldía da palabra
a resignación atada
a morte que asoballa
e a negrura da ollada
nunha verde esperanza
deixaches, unha parte de ti
inoculada no verbo
e na semántica que te precede...

quinta-feira, 3 de novembro de 2011

quarta-feira, 28 de setembro de 2011

Muller, cando compres no mercado

a carne de vacún

observa o froito co valor engadido

comproba a túa historia

a que te fixo chegar ata aí

a que te fixo sentir coma res

no matadoiro

a que te formou como produto

para a venda, sen ningún valor

nin sequera engádega

perante ese home que te maltrata

perante esa lei que te esquece

perante esa sociedade que te abandona

non agardes a que te sacrifiquen

e ollen os teus restos

coma reliquias mortuorias

busca unha nova vida sen medo

e comeza a sorrir

Poema publicado no libro "MULHERES entre poesia e luita"

quinta-feira, 15 de setembro de 2011

Un día negro e cíclico

sinalou o principio do inferno

o efecto dominó, a inercia gravitacional

a velocidade infinitesimal

que remata nunha eclipse esferoidal

nunha morte en vida

nunha inxustiza ofensiva.


A forza bruta domina

con puño e con ferro,fere

coa palabra oxidada,agresiva,

violenta, pérfida e silente

escacha a humanidade

cun día negro de pesadelos

coma unha noite infinda.


Só un abismo,que abrangue o espazo

coma un burato espiral

destrutivo,que engole o ser

que xa non loita,resignado,

e o medo colleita vidas e poda esperanzas

con zume seco,desterra Evas,

números en páxinas,soterrados,

nunha sociedade que nunca aprende...

quinta-feira, 18 de agosto de 2011

AS UVAS DO CEDO


Poética matemática

ideas surrealistas antagónicas

vibracións ondulatorias e,

dramas de caixa de música…


Todas elas arrodéanme e coaccionan

formando un ser subliminar

desesperado na súa noite perpetua.


Atácanme palabras baleiras

que saen das gorxas

que se erguen como deuses

sentados na súa gran verdade.


É mellor crer na dúbida

na melancolía, divagación,

na soidade que é unha realidade…


Na limitación que non nos deixa coller

as uvas temperás da nosa vendima

nun amencer de moitos soles, que xiran.


E busco os meus soños como barcos

á deriva, sen tripulación nin capitán.

Só, outro barco pantasma

navegando sen máis.


domingo, 24 de julho de 2011

A noite...

...traz consigo o silêncio
que sabe a cosmos
e cheira a pó de estrelas
é infinito e quase mudo
mas o seu murmúrio ressoa
com milhares de anos de passado
a luz que atravessa o manto sagrado
desenha um coador de pintinhas cintilantes
que dão nome ao mistério do homem...
A noite traz consigo a saudade do ser
que uns olhos sonolentos transluzem
face a uma ansiedade crescente
como um saco negro
que esconde atrás das janelas
a trilogia dum macaco
que quiz conhecer a essência
escrita, num universo
repleto de interrogações

Traducido ao portugués por Carlos Silva, tirado do blog "Antologia"

domingo, 19 de junho de 2011

O gato gris mírame con ollos serios

Foto de Cruz Martínez


E sereno agarda analizando o lugar

Dende o televisor
Entran xentes descoñecidas
E falan, falan
Sobre o vencello que voa
A ras do chan

O cadro da parede
Amosa outra realidade
Nun lugar aparte
E ollo o calendario
Cos días pintados e etiquetados
Para que non esqueza
O tempo que escorrega
Coma graxa

E o vencello voa
A ras do chan

Poema de rosanegra

quinta-feira, 12 de maio de 2011

O home coma kamikaze das ideas

Foto de Cruz Martínez


suprímese a si mesmo cada mañá do ser
xa non ten acougo a verba que deu vida
á esencia da noite dos tempos
a inutilidade dos membros faise feito
coa esterilidade do poder
e xa non existen máis ca números primos
detrás dunha pantalla dun ordenador calquera
o home é a prolongación dun futuro efémero
mais a quen lle importa a verdade
se o único real é foder ao irmán
con aleivosía e disimulo enfermizo

Poema de rosanegra

domingo, 1 de maio de 2011

Perdida nun deserto de inquedanzas

Foto artística de Cruz Martínez


Subsisto xa case morta
Non podo seguir crendo
Que o baleiro é sinónimo
De silencio e resurrección
O meu berro é azul
E sabe a miles de soños
E a metamorfose
Non quero seguir o camiño de antonte
Quero voar cun adeus na miña boca
E ananas brancas nos meus ollos

poema de rosanegra

quinta-feira, 7 de abril de 2011

HOMÍNIDO TECNOLÓXICO

http://filo-cafes.blogspot.com/2011/04/filo-cafe-informeria-contributos.html

Mamíferos primates
Australopiteco afarense
Australopiteco robustus
Homo habilis
Homo erectus
Homo sapiens neanderthalense
Homo sapiens sapiens
Home de Cro-Magnon
Homo consumista
Homo shopping
Homo globalizado
Homo virtual
Homo produto
Homo moderno
Homo individualista
Homínido tecnolóxico


Somos unha variación gradual e progresiva
unha acumulación de mutacións xenéticas,
ou sociais ou do medio físico, somos unha especie
antropomorfa e evolutiva
un homo imperfecto e natural
un proxecto inacabado, euterios xerarquizados
nunha escala social.
Somos o que deberiamos ser?
Poboacións competitivas e divididas
en primates engulidos por máquinas,
seres agresivos e maliciosos
solitarios caníbales subxugados
pola materia que nos deforma na nada.
Somos férreos criterios e soidades
vivindo en nós mesmos sen saír de nós,
pasamos dunha bacteria a un homo
en milleiros de anos
e acabamos sendo devorados
por ordenadores e realidades virtuais
camiñando pola rede ficticia.
Os ratos destrúen neuronas
as sinapses son febles por estaren viciadas
as sinapses son retardadas por seren innecesarias
as células grises quedan pechadas en baúis
e perdidos minimizamos esforzos
para sermos produtivos.
Pequenos roedores rillan a esencia
que se oxida da nosa idiosincrasia
e dominados pola tecnoloxía mudamos
en animais insociábeis, retrocedendo
na evolución da parte humana
somos monitores en cores,
Homínidos tecnolóxicos.

sexta-feira, 11 de fevereiro de 2011

quinta-feira, 13 de janeiro de 2011

1/ O tempo dorme,

o soño eterno
represéntase mecanicamente
nun reloxo e nunha célula
sistemática e estrutural
E así, ouvímos o noso
Tic tac tic tac tic tac…

Fecundación e alivio
Texto: rosanegra
Fotografías: Cruz Martínez

segunda-feira, 3 de janeiro de 2011

2/ O tempo pasa inmutable

e creamos monstros
criamos corvos impetuosos
que agardan para arrincarnos os ollos…


Fecundación e alivio
Texto: rosanegra
Fotografías: Cruz Martínez