quinta-feira, 2 de fevereiro de 2012

Hélices...



As engurras da parede…
sobresaen amorfas pola branca e nítida luz da noite.


O vento forte do deserto
leva a area cara a un relevo espiral.


A cazoleta situada na rocha, defórmase
polo paso do tempo e dende a ventá vexo
un campo eólico na montaña.


Está tan lonxe de min
que a mirada apenas alcanza
a percorrer o seu corpo…


O vento, só existe o vento
e unha voz que ao lonxe
resoa, dende o epicentro.


A parede é a que separa
os nosos instintos…
os sentimentos vacilantes
foxen de si mesmos
cara a indiferenza.


Vento forte do deserto
que me atrapas e mergullas
na maldición duns ollos
cor mel.


E na esperanza dun soño
escoito o canto da soidade
escoito a súa voz na distancia.


O vento… só escoito o vento,
é tan poderoso que brama
ata no deserto.


As hélices do pensamento
dan voltas en soños perversos
e paredes brancas de papel
sosteñen a rosa que busca o sol interno.


O vento… só escoito o vento,
é tan forte que ouvea
ata no inferno...

(versos inspirados na illa de Fuerteventura)