quinta-feira, 23 de maio de 2013

MEIS É POESÍA



Na memoria do tempo brincan lendas bulideiras
de mouras e bruxas saíndo das pedras
e do río da Pontexoán,
entre carballos e castiñeiros sorrí un mundo máxico
enchoupado de séculos e os fentos cantan
coa música silandeira do pasado
na que os muíños falaban e o millo brillaba baixo o sol.
Armenteira soña coa súa historia de rezos e cantos
de paxariños, e sinte que medra no ar inmenso
e na noite estrelecida
As sendas rebuldeiras falan da realidade
que abrangue un microuniverso enfeitizado
e as horas son diferentes entre as árbores
a vida para, e eternízase cun manto verde
entre vales…  miña terra!
As raíces saen dunha Valboa perpetua
entre camiños senlleiros, onde o ADN dunha meisiña
forma espirais retratadas no bodegón da natureza.

rosanegra

domingo, 5 de maio de 2013

ODA AO MONTE PINDO


I

Suco nun soño, ao gran xigante con corazón de pedra

As murallas e os castelos trazan historias
dun mundo desaparecido, iluminado por lendas
Vexo, nun voo de aguia a solleira montaña
o gran coloso ergueito e forte que agarda espertar
dende o ollo do tempo como ciclope pétreo
un titán xeolóxico e inmortal
un monumental Monte Sacro
que nace como Olimpo Celta
na nosa Gallaecia máxica, terra de mouras
e poderes ocultados na Casa da Xoana
na catedral das meigas aínda o diaño espreita
e co puño pechado sobre o océano marca
labirínticas secuencias gravadas nos restos arqueolóxicos
do misterio que sobrevoa cabezas...

É o genius loci
procul dubio!


II

Aínda subsiste un son eterno nas moléculas
persiste a esencia temporal e pódese escoitar
o balbordo das bruxas na súa reunión céltica

O vento vive na Gallazia!

Nun aire de sono rompe o día e os raios pintan
con matices verdes e amarelos ás rochas grises
e o marrón da terra escribe versos nas follas perennes
dáme o corpo que soña co seu pasado emblemático
subsiste si, aínda resiste...