quinta-feira, 23 de maio de 2013

MEIS É POESÍA



Na memoria do tempo brincan lendas bulideiras
de mouras e bruxas saíndo das pedras
e do río da Pontexoán,
entre carballos e castiñeiros sorrí un mundo máxico
enchoupado de séculos e os fentos cantan
coa música silandeira do pasado
na que os muíños falaban e o millo brillaba baixo o sol.
Armenteira soña coa súa historia de rezos e cantos
de paxariños, e sinte que medra no ar inmenso
e na noite estrelecida
As sendas rebuldeiras falan da realidade
que abrangue un microuniverso enfeitizado
e as horas son diferentes entre as árbores
a vida para, e eternízase cun manto verde
entre vales…  miña terra!
As raíces saen dunha Valboa perpetua
entre camiños senlleiros, onde o ADN dunha meisiña
forma espirais retratadas no bodegón da natureza.

rosanegra

Sem comentários:

Enviar um comentário