sexta-feira, 22 de fevereiro de 2013

Rosalía...

En todo estás e ti es todo,
pra min y en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras”
Rosalía de Castro



...reverdeces cada día tras a porta
a túa saudade é a noite dos tempos
e as verbas son
os illotes nun mar denso
limpa as bágoas do carraxe
e deixa que alumee a estrela na fronte
e nos beizos un cantar
Matria da Galiza e filla da esperanza
es a flor da soidade
dunha longa e escura, Noite de Pedra
que xamais acaba...
a túa é a nosa, Negra Sombra
que volve facéndonos mofa
e toda a señardade de séculos pasados
rómpenos os ósos
Ti, es o luceiro da alba
o referente histórico
que nos guía cara á loita
Rosalía...
flor da noite e filla da palabra
Érguete, miña amiga,
que xa cantan os galos do día!”


Versos finais de Federico García Lorca do poema:
CANZON DE CUNA PRA ROSALIA CASTRO,MORTA



Poema publicado no libro "acción poética"2010

sexta-feira, 18 de janeiro de 2013

O Mar


Principio da vida, non só mariña

fórmula perfecta e maxistral
elemento necesario
do básico, evidente
vive en moléculas e respira
de forma infinitesimal
pontes de H
ligan o infinito
e máis aló...

Son o mar, es o mar, somos o mar
peixes, catáceos, algas...
a esencia da auga
está en cada partícula,
son o mar, es o mar, somos o mar
Infinito

e despois do mar, non hai nada...
só o infinito
Σ do big bang
o principio e o final
da química orgánica que me precede
que te precede
que nos precede...
E o silencio faise sonoro
cando brama o mar
nas ondas
A LÍMINE


Poema publicado no Libro colectivo "Encontros-Mar"



quinta-feira, 6 de setembro de 2012

por trás da pele

Fotos de José Goris Cuinha e poema "existimos" de rosanegra. Realización do vídeo por José Goris.

Existimos,
nas pequenas cousas...



Na sinxeleza
máis real da natureza
na forza do ar
e na cor do mar.

Somos nós,
cando entramos
na esencia da vida
e sentimos como vibra
a máis pequena partícula
que nos constitúe
en seres vivos dun todo.

Somos auga
somos terra
impresa no DNA CÓSMICO...

rosanegra

quarta-feira, 8 de agosto de 2012

In memoriam


Rosa:
Tí xa non és tí.
Tí és auga miñota e ribeira.;
herbal a recrearse nun sorriso.
Tí es outeiro encol dos
árbores da Póvoa de Varzím.
Rosa,
Tí xa non és tí.
Tí és nereida chegada dÁrmenteira.

de FOCX

domingo, 15 de julho de 2012

bolboretas


o gusano a crisalida a bolboreta
a palabra o verso a estrofa
o petalo o capullo a rosa
pensamento borrador poema

sete bolboretas verdes
voan dando voltas sobre ti
e ti non paras de escribir
os teus versos envolventes

lariño oaxaca 3-10

para rosanegra
polo seu espacio na rede
setebolboretasverdes


Manolo Pipas

sábado, 16 de junho de 2012

ALMA


O espello no que se reflicte
o inversamente proporcional
no que mergullados na auga
invisíbel, fondeamos
vales e ríos
espírito, ar
un eu agochado e independente
que traspasa o alén
unha auga solúbel e gasosa
misturada no derradeiro spin
nun valse de partículas dispersas
que voan silandeiras ata o universal
cara ao cosmos,
para rexenerarse nun %.

Poema publicado no caderno do 2º Aniversario Círculo Poético Aberto.

Para descargar o caderno entra aquí

domingo, 20 de maio de 2012

Lingua agarimosa das miñas raíces; por ti, son quen son... e loito por ser.


Son unha gaivota chorona

que voa case soa nun ceo idiomático

mais, xa non teño bágoas

queimáronse co salitre dun mar de inxustizas...


A lingua atada cun nó reméxese seca

e dolorosa na boca de mazá

e sinto a palabra presa nun cárcere sistemático

no que o idioma mater

sobrevive como pode soterrado entre lixo

e ignorancia, de Centos de Anos

que palpitan aínda nos corazóns amansados...


E agora, son unha pobre tola!

que cre na verdade e subsiste en si mesma

cando o temporal ouvea

e o vento racha fero!

para caer nun abismo esquecendo a memoria.

Non podo falar...

a diglosia representa a morte que aperta

a gorxa dunha muller-paxaro

e tampouco podo sorrir.


Porque a defunta son eu... nun chan corrupto

de follaxe perenne.

Non quero escoitar as verbas tiradas

como navallas, pintadas de salvación,

se a terra non se ergue e olla cara ás nubes

xamais aniñarán no sol

milleiros de estrelas vermellas

dun soño que un día tiveron os druídas

e cantaron os bardos na Nación de Breogán.


Son unha insignificante gaivota

que voa no espazo branquiazul

case soa, e sen ás

arrincáronmas de nena

para que non me puidesen galeguizar.

Por iso, esperto e berro

xa vai sendo hora de peteirar...

terça-feira, 24 de abril de 2012

A RODA INMORREDOIRA

Foto de Carlos Silva


A imaxe xeométrica, forma unha circunferencia
da cor do viño con arrecendo a traza
É un pasado-presente cun sentido que xorde
nun illamento silandeiro na voz do ar
Na madeira errante, escribiuse a historia
da noite e do amencer, con letras perennes
nas árbores xenealóxicas
Pousada na pedra aínda resoa o son do carro
entre os camiños, aquelas sendas da nenez
xa perdidas no antonte
E roda na memoria un filme antigo
cor sepia, e chove un mar con doce invernos
nun zigzag temporal
A foto escacha en 100.000 partículas
redondas, figuras dun fotograma
que se nega a desaparecer...


poema publicado en Munditaçőes