domingo, 14 de julho de 2013

Minas-me

Veleno dourado...

Mineral que aniquilas vontades
en toneladas de ignorancia,
sotérrannos na morte

Contaminante inorgánico que circulas no sangue
auga de cianuro, manchas

Bosques comidos, devorados
aire tóxico, danos sociais

(A drenaxe ácida permanece por sempre na pel
unha tatuaxe que nos castiga)

A mina mastiga H2O insaciábel
e as palabras saen das gorxas e berran rotas

As repercusións son incalculábeis... in-calculábeis...

quinta-feira, 23 de maio de 2013

MEIS É POESÍA



Na memoria do tempo brincan lendas bulideiras
de mouras e bruxas saíndo das pedras
e do río da Pontexoán,
entre carballos e castiñeiros sorrí un mundo máxico
enchoupado de séculos e os fentos cantan
coa música silandeira do pasado
na que os muíños falaban e o millo brillaba baixo o sol.
Armenteira soña coa súa historia de rezos e cantos
de paxariños, e sinte que medra no ar inmenso
e na noite estrelecida
As sendas rebuldeiras falan da realidade
que abrangue un microuniverso enfeitizado
e as horas son diferentes entre as árbores
a vida para, e eternízase cun manto verde
entre vales…  miña terra!
As raíces saen dunha Valboa perpetua
entre camiños senlleiros, onde o ADN dunha meisiña
forma espirais retratadas no bodegón da natureza.

rosanegra

domingo, 5 de maio de 2013

ODA AO MONTE PINDO


I

Suco nun soño, ao gran xigante con corazón de pedra

As murallas e os castelos trazan historias
dun mundo desaparecido, iluminado por lendas
Vexo, nun voo de aguia a solleira montaña
o gran coloso ergueito e forte que agarda espertar
dende o ollo do tempo como ciclope pétreo
un titán xeolóxico e inmortal
un monumental Monte Sacro
que nace como Olimpo Celta
na nosa Gallaecia máxica, terra de mouras
e poderes ocultados na Casa da Xoana
na catedral das meigas aínda o diaño espreita
e co puño pechado sobre o océano marca
labirínticas secuencias gravadas nos restos arqueolóxicos
do misterio que sobrevoa cabezas...

É o genius loci
procul dubio!


II

Aínda subsiste un son eterno nas moléculas
persiste a esencia temporal e pódese escoitar
o balbordo das bruxas na súa reunión céltica

O vento vive na Gallazia!

Nun aire de sono rompe o día e os raios pintan
con matices verdes e amarelos ás rochas grises
e o marrón da terra escribe versos nas follas perennes
dáme o corpo que soña co seu pasado emblemático
subsiste si, aínda resiste...

terça-feira, 19 de março de 2013

POEMA EM MÃO COMUM



Jake Lamotta segue em pé
tensionam-se os músculos para resistir os golpes
semelham afazer-se às fendas intensas, mais
os pés molhados roçam a friúra e tremem
num calçado grande e comprido
que aperta nas noites violáceas de nuvens
cúmulos em olhadas de porcelana perdidas
em futuros rostros desconhecidos
as pegadas do tempo marcam-se fundamente
datas rajadas acobilham-se nos ombros cansos
portanto suster nas pias afastadas
portanto olhar vias formadas de sonhos
caminhos-de-ferro que percorre
um comboio misto de ouro e púrpura
os caminhos-de-ferro percorrem-me as costas
o poema é encaixe de chumbo...que levita
como um santo feito de plumas
não, não acredito na humanidade
cansa de pugilatos infinitos
ergo-me do chão mais unha vez
Sou coma unha raiz que procura sair do suco
expandir-se cara a luz...nascer da terra!
só ela nos sustenta no universo
a terra e luz criam vida complexa
de respiração anaeróbica...

Fragmento do poema (POEMA EM MÃO COMUM) dos autores: Alexandre Insua, Cruz Martinez e rosanegra. Publicado no libro (DOCES LOUCURAS-Louvor aos sorrisos).

sábado, 9 de março de 2013

Chámana Puta


porque vende o seu corpo ao por menor
os seus ollos están cravados de medo
nas órbitas craniais
cada vez que ve o seu chulo
e vén do Leste ou dos Balcáns
que máis ten de onde
enganada por un horizonte verde
un día mellor na súa vida
E chámaa Puta
o seu proxeneta sorrí cos dentes
brancos e longos, amasando cartos
e premendo a tecla feble que domina
E chámaa Puta
o seu cliente tamén sorrí
diante dunha muller submisa
que xa o perdeu todo,e goza
goza o prostituidor sen conciencia
chámana Puta e soamente é unha vítima
de todos eses cabróns...
xa non ten nome,é carne fresca
e chámana...PUTA

Publicado no libro "MULHERES entre poesia e luita"