segunda-feira, 2 de abril de 2012

Medran fieitos no meu corazón

e saben a cor dourada e seca
murchan as miñas mans
sen tocar a túa pel,
si, a túa pel é un plano
a percorrer, é un desexo
é a prolongación do meu
instinto fero.


Nacen fiunchos e fentas
no meu corazón
evocando os teus beizos
estimulándome coa droga
que emana da materia gris.


Si, a túa pel tamén é sinónimo
de pracer...

sábado, 3 de março de 2012

OS CELTAS

A natureza é símbolo de divindade, onde as masas arbóreas e a auga forman un universo místico ou sagrado. Existía un material indestrutíbel, un mundo imaxinario, de ideas e de mitos... entre os ríos e os bosques cantaban os bardos e oraban os druídas. Un pobo misterioso de hiperbóreos cunha atmosfera húmida e brumosa que abraiaba e enfeitizaba aos seus seres con deusas,mouras ou ninfas.
Galiza, as súas xentes eran... ferreiros, gandeiros,artesáns, poetas e ata apaixonados guerreiros cun amor aos predecesores e cunha especial forza que os caracterizaba e fixo que a súa influencia cultural exista ata hoxe. Unha raza ancestral que formaba tribos unidas por vínculos familiares, os clans, creaban lazos de solidariedade entre os vivos e o respecto cara aos mortos.
O tempo é sinal de evolución, de loita dos antepasados que aínda perdura. É sinal dun poder case sobrenatural que creou unha lenda castrexa que fala da transmigración das almas e da inmortalidade. A árbore, unha intermediaria entre o ceo e a terra brindaba protección e ofrecía ciencia,fortaleza e vida... os nosos carballos poida que coñezan a historia e reflictan esa sabedoría dunha Galiza ceibe e libre... que lembra e ama o seu pretérito para así coñecer o futuro. ELES ben o sabían,e iso foi o que inculcaron para salvagardar os novos celtas; 3.000 anos de historia e seguimos aquí,imperturbábeis.
Aqueles devanceiros que vivían fusionados co cosmos aínda camiñan por estas chairas e montañas nun plano superior. Os descubrimentos arqueolóxicos demóstrannos a súa intelixencia, o seu traballo diario e as súas crenzas... foron tan reais coma nós agora e no vento escoitamos as súas voces gardadas no ar. A nós os modernos celtas, quédanos unha herdanza; a lingua, tradicións, música, supersticións... e o máis importante, un corazón que debe resucitar o maxín e o cerne celta... a resurrección dunha nación está no seu pasado, nunha estrutura afianzada na misión da perpetuidade e de pasar o facho da civilización ás novas xeracións.
Galiza, espírito Celta... mito, símbolo e sobre todo Lenda.

quinta-feira, 2 de fevereiro de 2012

Hélices...



As engurras da parede…
sobresaen amorfas pola branca e nítida luz da noite.


O vento forte do deserto
leva a area cara a un relevo espiral.


A cazoleta situada na rocha, defórmase
polo paso do tempo e dende a ventá vexo
un campo eólico na montaña.


Está tan lonxe de min
que a mirada apenas alcanza
a percorrer o seu corpo…


O vento, só existe o vento
e unha voz que ao lonxe
resoa, dende o epicentro.


A parede é a que separa
os nosos instintos…
os sentimentos vacilantes
foxen de si mesmos
cara a indiferenza.


Vento forte do deserto
que me atrapas e mergullas
na maldición duns ollos
cor mel.


E na esperanza dun soño
escoito o canto da soidade
escoito a súa voz na distancia.


O vento… só escoito o vento,
é tan poderoso que brama
ata no deserto.


As hélices do pensamento
dan voltas en soños perversos
e paredes brancas de papel
sosteñen a rosa que busca o sol interno.


O vento… só escoito o vento,
é tan forte que ouvea
ata no inferno...

(versos inspirados na illa de Fuerteventura)

sábado, 17 de dezembro de 2011

A Lois

Nun poema,
escribiches o sufrimento eterno
a dor dun corpo enfermo
o sentimento escachado
nun berro que abrangue
todo un océano...
escrito nos versos, deixaches
a rebeldía da palabra
a resignación atada
a morte que asoballa
e a negrura da ollada
nunha verde esperanza
deixaches, unha parte de ti
inoculada no verbo
e na semántica que te precede...

quinta-feira, 3 de novembro de 2011