domingo, 15 de julho de 2012

bolboretas


o gusano a crisalida a bolboreta
a palabra o verso a estrofa
o petalo o capullo a rosa
pensamento borrador poema

sete bolboretas verdes
voan dando voltas sobre ti
e ti non paras de escribir
os teus versos envolventes

lariño oaxaca 3-10

para rosanegra
polo seu espacio na rede
setebolboretasverdes


Manolo Pipas

sábado, 16 de junho de 2012

ALMA


O espello no que se reflicte
o inversamente proporcional
no que mergullados na auga
invisíbel, fondeamos
vales e ríos
espírito, ar
un eu agochado e independente
que traspasa o alén
unha auga solúbel e gasosa
misturada no derradeiro spin
nun valse de partículas dispersas
que voan silandeiras ata o universal
cara ao cosmos,
para rexenerarse nun %.

Poema publicado no caderno do 2º Aniversario Círculo Poético Aberto.

Para descargar o caderno entra aquí

domingo, 20 de maio de 2012

Lingua agarimosa das miñas raíces; por ti, son quen son... e loito por ser.


Son unha gaivota chorona

que voa case soa nun ceo idiomático

mais, xa non teño bágoas

queimáronse co salitre dun mar de inxustizas...


A lingua atada cun nó reméxese seca

e dolorosa na boca de mazá

e sinto a palabra presa nun cárcere sistemático

no que o idioma mater

sobrevive como pode soterrado entre lixo

e ignorancia, de Centos de Anos

que palpitan aínda nos corazóns amansados...


E agora, son unha pobre tola!

que cre na verdade e subsiste en si mesma

cando o temporal ouvea

e o vento racha fero!

para caer nun abismo esquecendo a memoria.

Non podo falar...

a diglosia representa a morte que aperta

a gorxa dunha muller-paxaro

e tampouco podo sorrir.


Porque a defunta son eu... nun chan corrupto

de follaxe perenne.

Non quero escoitar as verbas tiradas

como navallas, pintadas de salvación,

se a terra non se ergue e olla cara ás nubes

xamais aniñarán no sol

milleiros de estrelas vermellas

dun soño que un día tiveron os druídas

e cantaron os bardos na Nación de Breogán.


Son unha insignificante gaivota

que voa no espazo branquiazul

case soa, e sen ás

arrincáronmas de nena

para que non me puidesen galeguizar.

Por iso, esperto e berro

xa vai sendo hora de peteirar...