sábado, 3 de março de 2012

OS CELTAS

A natureza é símbolo de divindade, onde as masas arbóreas e a auga forman un universo místico ou sagrado. Existía un material indestrutíbel, un mundo imaxinario, de ideas e de mitos... entre os ríos e os bosques cantaban os bardos e oraban os druídas. Un pobo misterioso de hiperbóreos cunha atmosfera húmida e brumosa que abraiaba e enfeitizaba aos seus seres con deusas,mouras ou ninfas.
Galiza, as súas xentes eran... ferreiros, gandeiros,artesáns, poetas e ata apaixonados guerreiros cun amor aos predecesores e cunha especial forza que os caracterizaba e fixo que a súa influencia cultural exista ata hoxe. Unha raza ancestral que formaba tribos unidas por vínculos familiares, os clans, creaban lazos de solidariedade entre os vivos e o respecto cara aos mortos.
O tempo é sinal de evolución, de loita dos antepasados que aínda perdura. É sinal dun poder case sobrenatural que creou unha lenda castrexa que fala da transmigración das almas e da inmortalidade. A árbore, unha intermediaria entre o ceo e a terra brindaba protección e ofrecía ciencia,fortaleza e vida... os nosos carballos poida que coñezan a historia e reflictan esa sabedoría dunha Galiza ceibe e libre... que lembra e ama o seu pretérito para así coñecer o futuro. ELES ben o sabían,e iso foi o que inculcaron para salvagardar os novos celtas; 3.000 anos de historia e seguimos aquí,imperturbábeis.
Aqueles devanceiros que vivían fusionados co cosmos aínda camiñan por estas chairas e montañas nun plano superior. Os descubrimentos arqueolóxicos demóstrannos a súa intelixencia, o seu traballo diario e as súas crenzas... foron tan reais coma nós agora e no vento escoitamos as súas voces gardadas no ar. A nós os modernos celtas, quédanos unha herdanza; a lingua, tradicións, música, supersticións... e o máis importante, un corazón que debe resucitar o maxín e o cerne celta... a resurrección dunha nación está no seu pasado, nunha estrutura afianzada na misión da perpetuidade e de pasar o facho da civilización ás novas xeracións.
Galiza, espírito Celta... mito, símbolo e sobre todo Lenda.